jueves, 6 de noviembre de 2008

presentación

O traballo ten unha acotación temporal de 40 anos (1960-2000) esenciais, pois neste longo período, primeiro vaise asentando como novo medio de comunicación a televisión en comunidade e, con iso, a primeira publicidade audiovisual, (entre o 1960-75); e tralo xerme dos setenta nace, nos oitenta, a televisión autonómica (1985) e toda a rede satélite de produtoras de vídeo que elaboran comerciais para o mercado rexional de anunciantes galegos. Cabe destacar, no caso da terceira parte do traballo sobre autopromoción, que o desenvolvemento da análise segue ata a actualidade recollendo brevemente o cambio radical da identidade televisiva cara A Galega.
Nos noventa sucédense innumerables cambios que van desde o inicio das emisións das televisións privadas (1991), así como as súas emisións para Galicia (Antena 3 e Tele 5 teñen a finais da década dos 90 o seu horario de desconexión para informativos e tamén aí estará presente o patrocinio e a publicidade), ata a multiplicación case sen límite das canles locais (desde mediados dos 80 pero cun especial crecemento ao longo da década dos 90). Vinculados a estes novos soportes municipais ou de proximidade, empézase a confeccionar e difundir unha publicidade de dubidosa calidade pero que alimenta ás, en xeral, pequenas empresas, desexosas de facerse cunha audiencia fiel e con ingresos publicitarios asegurados.
Para poder facer unha análise e catalogación da publicidade en Galicia parecíanos imprescindible ir ata as orixes da actividade e asegurarnos de que recolleriamos os primeiros anuncios, sentando as bases de futuras investigacións sobre décadas ou épocas concretas. Ao atoparnos que a finais dos anos 60 xa había unha axencia (14) galega que se aventura por vez primeira a confeccionar un spot para televisión, pareceunos que o inicio do traballo debía datarse nesa década.
Só o elevado custo de programar as promocións neste medio con campañas de cobertura rexional ou nacional e o propio prezo da rodaxe en cine, fan inaccesible esta vía audiovisual para algúns anunciantes. Por este motivo, só incluímos na nosa mostra anunciantes que programaron os seus anuncios en soportes rexionais ou nacionais, prescindindo dunha análise dos contidos da publicidade local. A mostra representa a toda a publicidade para televisión que se fixo desde ou para Galicia.
A intención de elaborar un proxecto exhaustivo de recolleita de pezas para a mostra supuxo unha extensa procura bastante infrutífera por considerarse que os arquivos audiovisuais de publicidade de anunciantes galegos son documentos prescindibles na historia televisiva e cinematográfica da comunidade.
O obxectivo principal e máis ambicioso da investigación foi producir un texto inicial sobre o ámbito da publicidade televisiva en Galicia, non abordado con anterioridade. A idea orixinal foi aportar os datos e chaves de estudo desde a orixe do medio na comunidade e abrir unha liña de traballo con amplos campos sen explorar, dada a súa sorprendente evolución na década dos 90 e os múltiples bloques temáticos inconclusos que se propoñen neste traballo para unha posterior investigación especializada.

No hay comentarios: